Prezadas familias:
Aínda coa resaca emocional polas vivencias dos últimos días, queriamos transmitirvos as nosas máis sinceras felicitacións polo comportamento, actitude e intensidade con que as nenas e nenos aproveitaron a viaxe.
Desfrutaron de cada momento, puxeron o máximo interese en cada explicación, amosaron gran curiosidade ante todos os detalles, abraiáronnos coa súa capacidade de observación e coas reflexións que compartían fronte aos descubrimentos que ían facendo e divertíronse derrochando ilusión e sorrisos.
Fixeron gala dun gran compañeirismo aderezado con grandes doses de empatía, xenerosidade e bondade hacia todos os participantes na excursión e foi un orgullo incrible recibir os parabéns de todos aqueles lugares que visitamos. Felicitáronnos no hotel, no Palacio Real ou no teatro, entre outros. Causamos o asombro polas rúas das distintas cidades que percorremos pola disciplina con que nos desprazabamos ante o xentío e mesmo a aventura no metro arrancou múltiples risas e sorrisos nos usuarios dese transporte público pola orde con que nos moviamos e as facianas dos cativos, tan expresivas das intensas emocións que se estaban a vivir.
O equipo de mestras e mestres coincidimos en sentirnos afortunados por ter a oportunidade de ter compartido esta experiencia con todos eles e as emocións agólpanse no noso interior para manifestar un moi sentido e sincero agradecemento. Con grupos coma este iriamos ata a fin do mundo e máis alá!
Sentide moito orgullo polas vosas nenas e nenos, realmente son merecedores do mellor!
Desexámosvos moi feliz descanso con todo o agarimo e moito ánimo para estes últimos compases do curso.
Apertas infindas!
As mestras e mestres participantes na excursión